Monthly Archive for May, 2009

Hedo Turkoglu; o herdeiro de Toni Kukoc

Hedo TurkogluDende fai varias tempadas Turkoglu reclamou por dereito propio en Orlando o sitio que lle era negado en Sacramento como xogador titular dunha franquicia NBA.

Pese a que nesta tempada non está a despregar o seu mellor xogo nin a facer uns números tan excelsos coma na campaña anterior, temos ao seu equipo liderado por Superman Howard dándolle a primeira na cara aos Cavaliers de Egoista James con 15 puntos e 14 asistencias de Hedo.

Dende sempre o estilo de xogo de Turkoglu tivo unha gran similitude co despregado polo xogador máis talentoso que deu o continente (Toni Kukoc). Ata a maneira de moverse pola cancha de xogo, de botar a pelota, de entrar a canastra lembra profundamente a Toni. Un home moi alto que manexa magnificamente o balón e capaz de xogar en catro posicións distintas.

Alto e espigado pero cun tren superior máis poderoso que o do xenio de Split. Turkoglu está destinado a levar nestas finais de conferencia gran parte do peso ofensivo do seu equipo, sobre todo, nos momentos finais onde Howard non é unha boa opción de ataque debido a súa pésima porcentaxe nos tiros libres.

Un pracer gozar deste tipo de xogadores: superclases propios doutras épocas con menos músculo e máis talento.

Crédito da foto: Keith Allison

Ruta do Mariscal Pardo de Cela

Catedral de San Martiño de Mondoñedo Aproveitando a ocasión que brindou o tempo este domingo: malo coma sempre na Chaira. Considerei que era o momento oportuno para facer “a miña maneira” unha das rotas máis interesantes que se poden facer pola zona da mariña luguesa sen necesidade de ter que me topar “face to face” cos desastres urbanísticos que por aquelas históricas terras se cometeron.

A ruta do Mariscal Pardo de Cela que discorre polos concellos da mariña central permítenos ter unha visión destas terras e visitar os monumentos máis senlleiros das mesmas.

Castelo Mirador da Frouxeira Comezamos pasando pola vila de Vilanova de Lourenzá onde nos atopamos co mosteiro de San Salvador que aparece por primeira vez na historia no ano 947 e igrexa de Santa María de estilo barroco.

Despois collendo o camiño cara a vila mariñeira de Foz desviámonos cara a parroquia de San Martiño de Mondoñedo coa ilusión frustrada polo horario de visitar o interior da catedral de San Martiño: unha xoia do románico descoñecida para moitos pese a ser a máis antiga de España que se conserva e moi relacionada coa “eclesia britoniensis”. O exterior, moi fermoso, está un pouco marxinado polos carteis que indican as obras de acondicionamento de torno.

Trala visita a catedral de San Martiño de Mondoñedo e poñendo rumbo a Alfoz dirixímonos a escalar A Frouxeira onde Pardo de Cela resistiu durante tres anos as tropas castelás ata que grazas a unha traizón dos seus servidores foi finalmente detido. O acceso a frouxeira faise por unha estreita pista asfaltada ao estilo galego (con fochancas) que nos leva moi cerca da cima. Unha vez alí toca escalar a pé ata o cumio. Cumio que non visitei dado o meu coñecido e característico pánico as alturas :) Dende o alto temos unhas magnificas vistas que merecen moito a pena, amen de observar os restos do que foi o forte defensivo que alí se alzou e que foi destruído unha vez Pardo de Cela foi capturado.

Castelo do Mariscal Pardo de Cela Tras esta visita poñemonos en camiño cara Alfoz para facer unha visita ao pouco que queda do castelo do Mariscal: a torre da homenaxe. O castelo esta levantado sobre un primitivo castro onde aínda se poden apreciar parte das estruturas defensivas. Non nos paramos moito xa que descubrimos que o alto onde se atopa é usado polas parellas do lugar para practicar xogos amatorios. Decimos, xa que estabamos en Alfoz, facer unha visitiña a Finca Galea. Lugar moi recomendable pero que como nos aconteceu na catedral de San Martiño non estaba aberta ao público nas horas que nos movemos nós.

Catedral de Mondoñedo De Alfoz diriximonos a nosa última etapa do noso camiño: Mondoñedo. Vila moi fermosa e profundamente ligada a vida e sobre todo a morte do Mariscal. Alí foi executado e alí descansan os seus restos na catedral de Mondoñedo, construción magnifica que preside unha praza da vila non menos magnifica conservada sen que sexa afeada por construcións modernas.

Durante toda a nosa viaxe tivemos un compañeiro indesexable pero omnipresente en cada centímetro cadrado da mariña: o eucalipto. É imposíbel saber como serían as paisaxes que ollaba cada día Pardo de Cela pero, está fora de toda dúbida, eran ben distintas que as actuais.

Para saber algo sobre Pardo de Cela:

http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/ascenso.htm

Melo vs Dirk


Disfrutar do mellor xogador europeo de todolos tempos (co permiso de Sabonis) é un prazer que parece estar a punto de rematar por esta tempada visto a situación da serie entre Mavs e Nuggets.

Ruta do Azúmara en MTB

No concello de Castro de Rei existe unha fermosa ruta que une o castro de Viladonga coa vila de Castro de Rei: A Ruta do Azúmara. Ideal para facer a pé, perfectamente sinalizada e con escasa dificultade. Tamén é perfecta para facer en bicicleta de montaña.

No meu caso fixe-na en dúas ocasións, a primeira saíndo dende Bretoña na bici ata Castro de Rei para face-la en sentido contrario rematando no castro de Vilandoga e a segunda ao revés chegando a Castro un día de feira e retornado por estrada ao punto incial.

Fotos da ruta do Azúmara: