A especulación inmobiliaria está forzando a xente, principalmente nova, a outra emigración. Unha emigración de curta distancia. Xente que nin anque pactara co diaño a venda da súa alma podería mercar unha vivenda en Foz ou en Ribadeo ós prezos actuais, vense na obriga de reinstalarse en vilas máis adsequibles como Mondoñedo, Lourenzá ou O Valadouro.

Este fenómeno está propiciando que en concellos do interior se estean a aprobar plans urbanísticos faraónicos non solo para cubrir esa oferta senón con vistas a segundas residencias para turistas en zonas do interior. Vilas, nalgúns casos, sen servicios incapaces de fixar poboación.

Como xa dixen nalgunha ocasión, quen tivo a ocorrencia de dar competencias ós concellos sobre o urbanismo debía de ser un fenómeno, dun xeito ou de outro.

Outra cousa que está ocorrer é a incesante compra de parcelas por certos "celebros" que manexan información privilexiada de onde si e onde non vai haber terreos urbanizables. Así mentres o coitado do paisano A pensa que está a vender un leiro cheo de silvas por catro perras, o paisano B sabe que está a mercar un futuro terreo urbanizable.

Hai casos sangrantes, coma o de un alcalde moi amigo das bebidas espirituosas e de pegar saltos na praza do pobo cando gaña o Madrid que por un módico donativo concedería licenza para edificar ata no campanario da igrexa da súa vila.

Unha cousa está clara; votarlles solo a culpa desta situación ós políticos e os especulillas é unha forma de escurrilo bulto e tapar a verdadeira realidade: cada pobo ten o que merece. Cando sexamos coma os suecos teremos un país coma Suecia.

Chourizos e mangantes hainos en tódolos lados, a diferencenza é que dos Perineos para arriba están na cadea e dos Perineos para abaixo están nos despachos.


Technorati : Foz, Galiza, Ribadeo, chourizos, especulación, mariña, urbanismo