Lugnasad, unha noite máxica
O domingo día 11 de decembro presentouse en sociedade no salón parroquial de Bretoña o documental «Lugnasad; unnha noite máxica» realizado por Miguel García Fernández durante a celebración da pasada edición da festa celta -a decimoquinta edición- do Lugnasad o 5 de agosto de 2011.
A presentación asistimos varios membros da Asociación Cultural Auruxeira, algúns veciños e outras persoas do contorno. O evento -moi ameno- estivo marcado pola proxección por primeira vez ante o público do referido documental. A impresión; moi positiva. Un fiel reflexo do que a festa celta pretende transmitir e dos valores nos que se apoia.
O documental intercala con acerto intervencións -entre elas a miña
(modo autobombo on)- de varios membros presentes a pasados da asociación nas que se falan das orixes do festival, anécdotas, do contexto no que se enmarca e que obxectivos se perseguen coa súa celebración. Todo acompañado con imaxes de pasadas edicións e, sobre todo, da edición do ano 2011.
Entrará no circuíto dos festivais de curtas polo que a súa difusión pode ser elevada. Nos encantados! Unha carta de presentación para a festa celta e para Bretoña. Que máis podemos pedir! Ogalla sirva para atraer a máis xente a festa
Hai tempo para a lembranza dos que pasarón e axudarón. Tempo para rememorar vellas anécdotas. Tempo para voltar ao noso propio pasado pasado como asociación e lembrar aquelas xuntanzas multitudinarias no salón parroquial de finais dos anos noventa. O mesmo salón parroquial usado para presentar o filme.
A música que nos acompañou durante quince anos acompáñanos tamén durante os 20 minutos que dura o documental. A música; elemento fundamental da nosa historia, do noso pasado e de calquera narración. Ligazón poética entre os pobos. Ligazón entre as xentes sexan de onde sexan.
Máis ca un documental: unha declaración de intencións.
Será comercializado a un prezo de 10 euros e será posible mercalo en varios comercios de Bretoña e, por suposto, na seguinte edición do Lugnasad. A tirada inicial consta de 200 exemplares. Agardemos que sexa un éxito e que o realizador teña que facer novas tiradas.







