Ruta do Mariscal Pardo de Cela

Catedral de San Martiño de Mondoñedo Aproveitando a ocasión que brindou o tempo este domingo: malo coma sempre na Chaira. Considerei que era o momento oportuno para facer “a miña maneira” unha das rotas máis interesantes que se poden facer pola zona da mariña luguesa sen necesidade de ter que me topar “face to face” cos desastres urbanísticos que por aquelas históricas terras se cometeron.

A ruta do Mariscal Pardo de Cela que discorre polos concellos da mariña central permítenos ter unha visión destas terras e visitar os monumentos máis senlleiros das mesmas.

Castelo Mirador da Frouxeira Comezamos pasando pola vila de Vilanova de Lourenzá onde nos atopamos co mosteiro de San Salvador que aparece por primeira vez na historia no ano 947 e igrexa de Santa María de estilo barroco.

Despois collendo o camiño cara a vila mariñeira de Foz desviámonos cara a parroquia de San Martiño de Mondoñedo coa ilusión frustrada polo horario de visitar o interior da catedral de San Martiño: unha xoia do románico descoñecida para moitos pese a ser a máis antiga de España que se conserva e moi relacionada coa “eclesia britoniensis”. O exterior, moi fermoso, está un pouco marxinado polos carteis que indican as obras de acondicionamento de torno.

Trala visita a catedral de San Martiño de Mondoñedo e poñendo rumbo a Alfoz dirixímonos a escalar A Frouxeira onde Pardo de Cela resistiu durante tres anos as tropas castelás ata que grazas a unha traizón dos seus servidores foi finalmente detido. O acceso a frouxeira faise por unha estreita pista asfaltada ao estilo galego (con fochancas) que nos leva moi cerca da cima. Unha vez alí toca escalar a pé ata o cumio. Cumio que non visitei dado o meu coñecido e característico pánico as alturas :) Dende o alto temos unhas magnificas vistas que merecen moito a pena, amen de observar os restos do que foi o forte defensivo que alí se alzou e que foi destruído unha vez Pardo de Cela foi capturado.

Castelo do Mariscal Pardo de Cela Tras esta visita poñemonos en camiño cara Alfoz para facer unha visita ao pouco que queda do castelo do Mariscal: a torre da homenaxe. O castelo esta levantado sobre un primitivo castro onde aínda se poden apreciar parte das estruturas defensivas. Non nos paramos moito xa que descubrimos que o alto onde se atopa é usado polas parellas do lugar para practicar xogos amatorios. Decimos, xa que estabamos en Alfoz, facer unha visitiña a Finca Galea. Lugar moi recomendable pero que como nos aconteceu na catedral de San Martiño non estaba aberta ao público nas horas que nos movemos nós.

Catedral de Mondoñedo De Alfoz diriximonos a nosa última etapa do noso camiño: Mondoñedo. Vila moi fermosa e profundamente ligada a vida e sobre todo a morte do Mariscal. Alí foi executado e alí descansan os seus restos na catedral de Mondoñedo, construción magnifica que preside unha praza da vila non menos magnifica conservada sen que sexa afeada por construcións modernas.

Durante toda a nosa viaxe tivemos un compañeiro indesexable pero omnipresente en cada centímetro cadrado da mariña: o eucalipto. É imposíbel saber como serían as paisaxes que ollaba cada día Pardo de Cela pero, está fora de toda dúbida, eran ben distintas que as actuais.

Para saber algo sobre Pardo de Cela:

http://www.h-debate.com/cbarros/spanish/ascenso.htm

0 Responses to “Ruta do Mariscal Pardo de Cela”


  • No Comments

Leave a Reply