Unha volta a Bretoña en bicicleta

Unha volta a Bretoña en bicicleta

U

nha das cousas que pensaba cando empecei a andar en bicicleta de forma máis seria era que pola zona de Bretoña non había recorrido que fora vistoso. Tamén pensaba que pouco era o que había que percorrer. Unha parroquia pequecha entre a Terra Cha e A Mariña. Un ten dereito a equivocarse. Cun pouco de pedal podemos descubrir ou redescubrir sendeiros esgochados, pistas forestais ocultas e vistas dignas de contemplar.

Esta ruta sae, como non, do centro de Bretoña (Barrio da Igrexa) collendo dirección a Mourelle meténdose por camiños que levan as leiras das granxas do Castrillón. Unha vez chegados a Mourelle damos volta ata entrar pola agreste pista que nos levará á linde entre Bretoña e Riotorto xusto detrás de Luxilde.

Iniciamos un serpernteo continuo polas fermosas paraxes que separan os concellos pastoricense e riotorteño ata chegar as estribacións do barrio do Pedredo para, unha vez sobrepasado, encarar unha curta pero dura ascención cara a Cruz da Cancela. Non chegaremos a ela xa que unha vez topemos coa estrada xeral collemos polo camiño que atravesa Carracedo na súa vertente sur bordeando barrios como Álvite, Currrás e Macieira ata chegar ao barrio de Francos difrutando durante todo o camiño dunhas fermosas vistas do val.

O descenso a Francos é rápido e curto xa que sen internarnos no barrio poñemos dirección as naves da louseira que están entre Francos e Xemil para despois continuar cara a parroquia de Úbeda. Unha vez alí, agardanos un descenso vertixinoso e unha nova subida para coronar o pequeno monte de Fontao e poñer o rumbo cara a Bretoña bordeando o barrio de Fitoiro e indo paralelos a estrada N-122 polo camiño de acceso as fincas. Chegamos!

Unha pequena gran ruta para pasar enredados unha tarde de vran ou de inverno.

Distancia percorrida: 27 km.

Desnivel acumulado subindo: 515 metros.

Desnivel acumulado baixando: 455 metros.