Posteando dende bretoña sobre as cousas que non pasan
28 Oct
Todo empezou por azar. Tódalas cousas importantes ocorren por azar. Non se sabe moi ben onde pero sempre se sospeitou que a orixe estaba en New York. Esa megalópole inhuman levou a culpa.
Durante os primeiros meses ninguén se decatou. A fin da humanidade viaxou en primeira clase nos mellores avións de British Airways, nos mellores trens, nos cruceiros de luxo. Pero tamén tomou a senda da marxinalidade e non lle fixo ascos a clase turista dos avións, a autobuses de terceira de países que case ninguén ubica no mapa ou a calquera outro medio de transporte usado por persoas e pulgas.
Cando os científicos empezaron a sospeitar que acontecía algo fora do normal xa era demasiado tarde. Media poboación mundial estaba contaminada. Puta goblalización.
Primeiro pensaron que era a picadura das pulgas a que transmitía a infección de persoa a persoa, pero despois, esas ratas de laboratorio decatáronse de que o virus corría libremente polo aire chegando a case tódalas partes do planeta. So afectaba os humanos. Unha broma macabra da natureza para desfacerse dun inquilino molesto. Ningún animal pereceu vítima da infección, salvo os que mataron os científicos nos seus experimento de laboratorio.
O virus residía paciente durante seis meses no corpo sen provocar síntomas, despois, en seis días acababa co seu hospede. Era unha agonía lenta e dolorosa. O corpo perdía toda a súa auga ata que sucumbía. A alerta saltou en todo o planeta. A ONU, organización de burócratas caracterizada por estar sempre de brazos cruzados mirando para outro lado foi fiel a súa natureza e nin soubo que facer e de sabelo as instrucións quedaron agachadas nalgún caixón perdido dalgunha oficina perdida dalgún funcionario anónimo.
No mes de agosto chegou a fin dos días para a humanidade, milleiros de cadáveres apareceron nas rúas dun día para outro. Producíronse as revoltas e accións de pillaxe habitual, pero nesta ocasión eran en tódolos países da terra dende Xapón a Cabo Verde.
O presidente americano vendo que todo estaba perdido aproveitou para arreglar unhas contas pendentes; lanzou os seus mísiles contra Corea do Norte e Irán. O presidente de Irán tivera a mesma idea que o seu homologo americano e minutos antes de desaparecer Irán da face da terra lanzou todo o que tiña e parte do que dicía que non tiña contra Israel para borralo do mapa. Israel ó percatarse do ataque e da incapacidade para neutralizalo optou por usar o seu arsenal nuclear contra tódolos estados árabes veciños. Os chineses visto a que se montara decidiron que tamén querían xogar e usaron as súas armas nucleares contra Taiwan esa illa rebelde a Pekín gobernada por pérfidos capitalistas e contra Estados Unidos.
En España o PP seguía acusando o PSOE de ser o responsable da introdución de pulgas infectadas en complicidade con ETA e organizacións xudeu-masónicas. Organizou varias manifestacións para pedir a dimisión do presidente socialista pero en cada manifestación había menos xente. Os servizos de limpeza da cidade estaban hasta os mesmísimos de ir detrás de cada manifestación recollendo os cadáveres dos infectados que lles daba por facer a graza de morrer durante a manifa. Cataluña e Euskadi proclamaron a súa independencia baixo o lema “Postos a morrer, mellor morremos sendo un estado”. En Galiza a cousa foi diferente, pese a que nos primeiros momentos morreron tódolos funcionarios do país, a administración non estaba máis relentizada do normal, é máis, moitos cidadáns notaron unha franca melloría. Os políticos morreron tamén todos antes de decidirse o non pola a independencia. Pasaron os seus últimos días a discutir se Galiza era un estado histórico ou un histórico estado. Os superviventes comprobaron durante os escasos días que lles quedaban de vida o ben que marchaba Galiza sen políticos nin funcionarios pese a estar as rúas e rías cheas de mortos, pese a pillaxe, pese a todo, estábase de puta coña: nin atracos, nin telegaita, nin mitins, nin colas no super, nin funcionarios almorzando cinco veces na mesma mañá.
O nove de setembro non quedaba ningunha persoa viva na península ibérica, os últimos morreran afogados intentando atravesalo o estreito para chegar a Marrocos onde había un curandeiro que afirmaba poder curar a praga. O curandeiro cortáronlle a cabeza por infiel.
No mes de outubro a humanidade desaparecera da face da terra salvo uns pequenos grupos illados en Groenlandia, na Amazonía e unhas tribos caníbales en Papua Nova Guinea. En Marrocos tamén había uns cantos superviventes.
Tres anos despois a humanidade desaparecera entre as brétemas da historia térreste.
Nacín en Bretoña (Lugo) en 11110111000. Gústame todo o relacionado coas novas tecnoloxías e internet, e tamén os idiomas cos que se crea a rede: xhtml, css, php, ruby, python. Teño interese por cousas como a teleformación, o teletraballo e as aplicacións do software nos procesos de aprendizaxe e formación.
Para contactar usa o seguinte email: seve [arroba] sevegacia [punto] net (prometo contestar en canto teña un minuto libre).
Algo que comentar?